A empresa contratada polo Concello para realizar a inspección das atraccións itinerantes das Festas da Peregrina, Enmacosa Consultoría Técnica, comezou este mércores a revisar a montaxe e funcionamento das atraccións que se están a instalar no entorno da Alameda e da rúa da Raíña Vitoria.
Ademais, desde o Concello tamén se chegou a un acordo cos feirantes para que as atraccións funcionen sen música durante unha hora diaria, de 18 a 19 horas, e promover a participación dos nenos con autismo.
Pontevedra foi pioneira, hai 17 anos, na realización destas exhaustivas inspeccións técnicas, que agora están a estenderse por outras localidades galegas. Os técnicos seguen un protocolo específico para acadar un exame o máis completo posible de cada unha das atraccións.
Deste xeito, solicitan a documentación preceptiva de cada instalación (seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto...). Comproban tamén que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.
Analízanse, así mesmo, outros requisitos sobre a seguridade do público e da contorna, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.
Con respecto á estabilidade estrutural, a empresa controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización. De feito, non se permiten cintos de seguridade desgastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, se poidan afrouxar co peso ou o empuxe do usuario.
O traballo de Enmacosa Consultoría Técnica complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade.
Unha vez en marcha as atraccións, deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e no seu caso as limitacións de idade e altura.
Para a execución deste tipo de inspeccións, emprega equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas.