Inician traballos de reparación na rede de subministro de auga para evitar unha fuga que afecta a Marín e Bueu

Marín
01 de abril 2020

O Concello de Pontevedra explicou que estes traballos de reparación vanse realizar a pesar de estar en estado de alarma polo coronavirus por ser o servizo de auga un servizo decretado como esencial, e a través dun plan de obra presentado pola empresa no que se garanten todos os protocolos de seguridade e prevención  

Obras na tubaxe de subministro de auga na Ponte de Santiago
Obras na tubaxe de subministro de auga na Ponte de Santiago / Diego Torrado

A empresa concesionaria do servizo de subministro de auga de Pontevedra iniciou este mércores 1 de abril a reparación dunha avaría detectada na rede de subministro que leva auga para Marín e Bueu. 

O Concello explicou que estes traballos de reparación vanse realizar a pesar de estar en estado de alarma polo coronavirus por ser o servizo de auga un servizo decretado como esencial, e a través dun plan de obra presentado pola empresa no que se garanten todos os protocolos de seguridade e prevención de obrigado cumprimento durante o estado de alarma.

A avaría está localizada nunha tubaxe que está colgada na ponte de Santiago, na que se detectou unha fuga na beira do estribo na marxe esquerda, e, segundo a previsión da empresa, estes traballos de reparación teñen unha duración estimada de entre dúas e tres semanas.

Segundo a información facilitada polo Concello, os traballos de reparación requiren que se instale unha estada no exterior, baixo a ponte, para acceder á zona na que se produciu a avaría.

Estes requisitos técnicos implican que os traballos só se poden realizar aproveitando a marea baixa.

Paralelamente, tamén se abrirá un acceso á galería de servizos, na glorieta de Pai Amoedo. 

Esta reparación é unha necesidade para frear a fuga de auga que se está a producir no punto da avaría e para garantir un estado óptimo de toda a rede de subministro a Pontevedra, Marín e Bueu. Neste momento, o abastecemento a Bueu e Marín estase realizando polo subminsitro alternativo da rede de Mourente.