Inician os traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello

O Salnés
08 de xullo 2022

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e o alcalde do Grove, José Cacabelos, visitaron o espazo xunto á praia do Carreiro

Traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello
Traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello / Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e o alcalde do Grove, José Cacabelos, visitaron este venres a zona arqueolóxica de Adro Vello, onde a Xunta acaba de iniciar unha actuación para poñer en valor este conxunto sito xunto á praia do Carreiro.

Durante a visita, o responsable autonómico de Cultura agradeceu a implicación e o compromiso dos veciños do Grove con este espazo "único en Galicia" que hai uns meses comezou o proceso para ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC), coa apertura do expediente, en trámites nestes momentos. Román Rodríguez xustificou que a medida tomouse pola súa "gran importancia histórica, arqueolóxica, científica e cultural".

O conselleiro engadiu que a apertura do BIC "foi o primeiro paso para mellorar este enclave no que agora deberían implicarse todas as administracións competentes".

Por este motivo, o conselleiro asegurou que a Xunta é "a única administración que cumpre con Adro Vello", primeiro co BIC e agora con estes traballos de mellora e consolidación que se desenvolverán durante o verán. Ao fío disto, instou "ao resto de institucións con competencias na zona" a implicarse "e pasar das palabras aos feitos".

A intervención xa en marcha está sendo realizada ao abeiro dun convenio de colaboración da Consellería, que achega 50.000 euros, coa Universidade de Vigo mediante o cal un equipo de investigadores afondarán durante un mes nos restos do xacemento.

En concreto, os traballos inclúen a retirada de tapados antigos, a realización de sondaxes arqueolóxicas e a escavación de tumbas con restos óseos humanos. O proxecto complétase coa roza e limpeza de estruturas e con labores de conservación e consolidación no xacemento.

RESTOS DE ÉPOCA ROMANA E ALTOMEDIEVAL

A zona arqueolóxica de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e altomedieval de gran interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría romana de salazón e unha vila romana, ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería.

Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento, dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con presenza de pezas ornamentais anteriores de feitura visigoda. Tamén se documentaron restos dun conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.

Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.