Seis meses é o prazo de execución dos traballos para reformar integralmente o parque de Canaval, en Figueirido.
Os traballos para habilitar unha nova pista multideportiva e un auditorio ao aire libre comezaron.
O obxectivo do Concello de Vilaboa, sinala o goberno local, é poder contar no verán cunha gran área de lecer para todas as idades.
Para iso investiranse 264.166 euros nunhas obras que corren a cargo da empresa Construciones E.C. Casas.
A pista multidisciplinar facilitará a práctica deportiva ao aire libre de diferentes modalidades deportivas como baloncesto, futbol, voleibol, bádminton e mesmo tenis e dará resposta á demanda existente nesta contorna.
Ademais, explica o Concello, preto das instalacións deportivas construirase o auditorio ao aire libre, aproveitando as condicións do terreo para crear un escenario con bancadas semicirculares con capacidade para 150 persoas.
A reforma deste espazo completarase co acondicionamento dunha área de estacionamento.
"Apostamos por levar a todas as parroquias prestacións similares e que a veciñanza dispoña na súa contorna de espazos de calidade porque iso axuda tamén a fixar poboación", defendeu sobre esta actuación o alcalde de Vilaboa, César Poza.
O parque do Canaval é un proxecto que comezou a tomar forma no ano 2022 co acondicionamento dunha área de xogo infantil nunha parcela de 6.440 metros cadrados situada sobre o falso túnel no tramo Vilaboa-Pontevedra do eixo atlántico de alta velocidade. Esta superficie é unha concesión administrativa de ADIF ao Concello por un período inicial de 75 anos.