A apertura das Pozas da Tafona vai dando pasos adiante. O goberno municipal de Caldas de Reis iniciará de xeito inminente a fase de probas da maquinaria para poder abrir o complexo.
O tenente de alcalde, Manuel Fariña, asegura que se está avanzando nos trámites para abrir este espazo ao público con todas as garantías, atendendo os requirimentos administrativos e técnicos necesarios para o aproveitamento das augas minero-medicinais.
Así, todos os trámites das subministracións de gas e electricidade que permitirán activar a maquinaria das instalacións están listos.
Xa coa distribución de enerxía activa, o Concello iniciará as probas de toda a maquinaria: os bombeos da auga da burga, os filtros, os medidores de caudal e os aparatos de climatización e calefacción dos vestiarios, entre outros mecanismos.
Fariña explica que, aínda que están instalados, levan tempo sen uso e é preciso comprobarlos para revisar que non hai deficiencias.
Ademais, tamén se iniciará para a vindeira semana a mellora da contorna, co axardinamento da zona por parte do obradoiro de emprego municipal "Os camiños do camiño".
En paralelo a estas actuacións técnicas, o Concello traballa tamén nas fórmulas para a xestión das pozas, segundo avanza o tenente de alcalde.
A idea é buscar as pautas que permitan un desenvolvemento sustentable das burgas, con criterios de calidade orientados á preservación das augas e á súa potenciación como parte da oferta da vila como destino turístico involucrando tamén á comunidade local.
Manuel Fariña destaca que a apertura das burgas "é un compromiso firme" para o que se está a traballar de maneira continua por parte do BNG e no que, segundo reiterou, non se queren adiantar prazos que poidan supoñer complicacións posteriores.