Inician as obras de reparación urxente da cuberta da escola infantil O Grupo

Marín
20 de febreiro 2024

As filtracións de auga nas aulas estaba afectando ao día a día do centro educativo, polo que o Concello de Marín encargou un proxecto para iniciar as obras o antes posible e subsanar esta problemática

Obras de urxencia na EEI O Grupo
Obras de urxencia na EEI O Grupo / Concello de Marín

A concelleira de Educación do Concello de Marín, Marián Sanmartín, informou este martes de que se iniciaron os traballos de urxencia na escola de educación infantil O Grupo, debido a que se estaban dando filtracións nas aulas, dificultando o labor lectivo no centro.

Segundo explicou Sanmartín, "en canto fumos coñecedores desta situación, encargamos un informe aos técnicos municipais para examinar esa entrada de auga".

Nese documento, pode comprobarse que o problema débese a un defecto na cuberta, na que se utilizaron dous tipos de tellas cerámicas planas, que non encaixan correctamente unhas con outras, "provocando que se filtre a auga ao interior e xerando pingueiras e humidades", detallou a edil.

Por tanto, esta actuación suporá unha substitución desa parte da cuberta afectada, que será dunha superficie de 210 metros cadrados. 

"Xa se empezou esta semana coas obras, que está realizando Construcciones Marcos cunha inversión de case 40.000 euros", comentou a edil.