O Concello de Marín informou este venres do inicio das obras de reforma do pavillón da Cañota, unha das instalacións deportivas máis utilizadas do municipio.
Trátase dunha actuación, sinala o departamento de Urbanismo dirixido por Manuel Santos, que permitirá mellorar a eficiencia enerxética da instalación, a súa habitabilidade e a accesibilidade.
A obra conta cun orzamento total de 662.811 euros, achegando a Deputación o 70% (463.968 euros) e o Concello o restante 30% (198.843 euros), dentro do programa provincial PON2030.
Os traballos arrincaron coa retirada dos paneis de chapa da fachada, para avanzar despois co resto das actuacións previstas.
O proxecto contempla un cambio de cuberta do pavillón, a renovación das baixantes, xanelas e os farois exteriores. Ademais instalaranse bombas de calor para dar servizo aos vestiarios, pintarase o interior e no que respecta a a accesibilidade crearanse ramplas de acceso en todas as portas.