Inician a instalación de fibra óptica en Carballedo e a zona alta de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
08 de xullo 2021

O alcalde califica de aposta de futuro para o municipio o acceso á internet de alta velocidade 

Carballedo
Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade está a un paso máis preto de ampliar notablemente a cobertura de fibra óptica no municipio.

A empresa operadora iniciou o proceso de instalación desta tecnoloxía en Carballedo e nas zonas altas do concello, o que permitirá ofrecer internet de alta velocidade aos veciños, empresas e locais comerciais.

"Esta boa nova vén referendar, por parte das grandes empresas, a súa aposta polo futuro de Carballedo e a súa zona de influencia e, en definitiva, de todo o concello de Cerdedo-Cotobade que está a demostrar que é un dos máis activos da comarca de Pontevedra como polo de atracción tanto de investimentos como de dinamización demográfica", defende o alcalde, Jorge Cubela.

O rexedor insistiu en impulsar a dotación de servizos no municipio "pensando no horizonte do ano 2022 como obxectivo para a implantación definitiva", cun cronograma que avanza segundo o previsto despois de varias fases de instalación nas parroquias de Tenorio e Viascón con continuación na A Longa, Barbeitos, Vila de Abaixo e Vila de Arriba. Ademais contan con informes favorables os traballos de instalación de fibra óptica en Serrapio, Pedre, Deán, Loureiro, Cerdedo, Barro, O Casal, Mouteira e Vilar.

Tras a súa posta en marcha os veciños de Cerdedo-Cotobade poderán acceder a Internet a unha velocidade de polo menos 100  megas, o que supoñerá importantes beneficios.

"Imos avanzando con paso firme e seguro neste proceso de modernización e adaptación tecnolóxica en todo o municipio", conclúe Cubela.