Ingreso en prisión provisional sen fianza para o home detido en Bueu por dar unha malleira á súa nai

Bueu
12 de agosto 2024

O detido, acusado de homicidio en grao de tentativa, pasou ao dispor do Xulgado de Instrución número 2 de Marín, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)

O home detido o sábado como presunto autor dunha tentativa de homicidio na figura da súa nai
O home detido o sábado como presunto autor dunha tentativa de homicidio na figura da súa nai / EFE/ Salvador Sas

O home detido a fin de semana en Bueu como presunto responsable de golpear fortemente á súa nai, de 72 anos de idade, na cabeza e a cara, pasou este luns a disposición xudicial.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 2 de Marín, en funcións de garda.

A xuíza que comanda a investigación decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.

Explica o TSXG que o home está a ser investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa, co agravante de parentesto e, subsidiariamente, por un delito de lesións graves no ámbito da violencia doméstica.

O tribunal confirma ademais que na actualidade o home non contaba con ningunha orde de afastamento vixente.

Debido á gravidade dos golpes sufridos, a muller vítima da agresión foi ingresada na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital de Montecelo e continúa estable dentro da gravidade das feridas.