A.C.T., detido na noite do sábado como sospeitoso do crime machista da pontevedresa Fadoua Akkar, ingresará en prisión provisional comunicada e sen fianza por un delito de homicidio.
Así o acordou na tarde deste luns o Xulgado de Instrución número 3 de Cangas, que lle tomou declaración unha vez que recibiu o alta hospitalaria.
Tiña unha relación sentimental coa vítima e na madrugada do venres ao sábado circulaban no mesmo coche, conducido por el, cando se precipitaron á auga. Estaban no paseo marítimo de Domaio, en Moaña e, mentres que ela faleceu, el sobreviviu.
Unha vez rescatado, o home, de 47 anos e veciño de Moaña, foi trasladado ao hospital Povisa de Vigo con cadro de hipotermia e perda de consciencia. Alí foi detido na noite do sábado e este luns recibiu o alta.
O home xa tiña antecedentes por violencia de xénero. Estaba no sistema VioGén por uns feitos violentos acaecidos no ano 2012.
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno e ingresou en prisión. Ademais, tivo unha orde de afastamento vixente até o ano 2020 con respecto á vítima daqueles feitos.
Fadoua Akkar, de 41 anos, levaba pouco tempo vivindo en Pontevedra, na parroquia de Salcedo, co seu fillo de 13 anos, pero xa tiña arraigamento na zona.
De orixe marroquí, a maior parte da súa familia estaba asentada desde hai tempo no veciño municipio de Vilaboa. Esa familia será supostamente a que se encargue agora do coidado do fillo orfo.
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, indicou este luns que a investigación policial "continúa aberta" e pediu prudencia coas informacións que se difunden.
Ante feitos "dramáticos e desgraciados" como este, fai un chamamento á colaboración e á concienciación de toda a sociedade porque aumentar a cohesión social "será a maneira de loitar de verdade contra eles".
A este respecto, Losada reclamou non facer caso aos "cantos de sirena" de proceden daqueles que cuestionan "ou pon en dúbida" a existencia dos asasinatos machistas.
"Creo que é indubidable que existen e que se producen exclusivamente sobre mulleres polo feito de selo", considera.