Ingresa en prisión o presunto autor do crime da súa parella en Marín, acusado de homicidio

Marín
29 de decembro 2013

O presunto homicida declarou nos Xulgados de Marín durante esta mañá de domingo e negou ter causado a morte de Isabel Pérez Fraga, a pesares de ter confesado a súa autoría, horas antes, na Comisaría de Policía

Entrada do presunto autor do crime de Marín nos Xulgados
Entrada do presunto autor do crime de Marín nos Xulgados / Diego Torrado

O Xulgado de Garda de Marín decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para o veciño da vila que foi detido nas últimas horas como presunto autor da morte da súa parella. Impútaselle como responsable dun delito de homicidio e, segundo informou o fiscal a saída da toma de declaración, doutros delitos que aínda están por determinar.

O fiscal reclamou a prisión sen fianza para evitar o risco de fuga, mentres que a defensa do detido rexeitaba esta posibilidade. Segundo indicaba o representante da Fiscalía, existen indicios dunha posible agresión sexual.

Durante a declaración, o marinense recoñeceu que estivera coa vítima e que, entre eles, se desatou unha forte discusión que finalizou con empuxóns. Non obstante, o detido na súa comparecencia nos Xulgados negou que lle tería causado a morte a Isabel Pérez Fraga o pasado xoves 26, a pesar de recoñecer a autoría dos feitos durante a súa declaración, horas antes, na Comisaría de Policía.

Segundo fontes da investigación, a morte da veciña da rúa Alcalde José del Río produciuse durante a mesma mañá do xoves. A vítima presentaba síntomas de asfixia e numerosas contusións en todo o corpo, ademais dun golpe na cabeza. Non obstante, esas mesmas fontes descartan que os golpes se tivesen producido cun obxecto contundente.

O detido pasaba a disposición xudicial este domingo ás 11.00 horas e mantívose dentro do edificio xudicial de Marín ata as 14.00 horas. Tanto á entrada coma á saída do Xulgado, o home de 39 anos de idade intentaba cubrirse o rostro ante a presenza da prensa e dalgúns veciños.

Segundo datos facilitados pola Policía Nacional, o home levaba mantendo unha relación sentimental coa vítima dende hai catro meses e estivera en prisión por un delito de agresión sexual e ameazas cunha anterior parella. Tras a súa saída do cárcere, tamén fora detido por un delito de violencia doméstica por agresións a dous dos seus familiares.

O subdelegado do Goberno, Antonio Coello, asistirá á concentración que está prevista para este luns 30 ás 12.00 horas ante o Concello de Marín como acto de repulsa contra a violencia de xénero.