Ingresa en prisión o autor confeso do crime de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
30 de novembro 2015
Actualizado: 17:02

Pasaba das 14.00 horas cando chegou diante da xuíza e alí permaneceu arredor dunha hora, en presenza da súa avogada e do fiscal. O mozo si que declarou ante a xuíza e respondeu ás preguntas que lle fixo, pero non transcendeu o contido da súa declaración. De todos os xeitos, si que se sabe que o home confesou os feitos ante a Garda Civil

Paso a disposición xudicial do autor confeso do crime de Ponte Caldelas
Paso a disposición xudicial do autor confeso do crime de Ponte Caldelas / Cristina Saiz

Marcos Vidal González, o autor confeso do crime de Ponte Caldelas, foi enviado este luns ao centro penal da Lama por orde do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra. A xuíza decretou, á primeira hora da tarde, o seu ingreso en prisión comunicada e sen fianza investigado por un delito de homicidio

O mozo permaneceu ingresado desde o mediodía do domingo na unidade de Psiquiatría do Hospital Provincial e contra as 12.00 horas deste luns recibiu a alta hospitalaria. Tras pasar pola Comandancia da Garda Civil, ás 13.05 horas chegou aos xulgados da Parda. Pasaba das 14.00 horas cando chegou diante da xuíza, Casilda Suárez, e alí permaneceu arredor dunha hora, en presenza da súa avogada e do fiscal do caso, Jesús Calles. A primeira hora da tarde, a xuíza emitiu un auto enviándoo a prisión.

Segundo puido saber este xornal, o mozo si que declarou ante a xuíza e respondeu ás preguntas que lle fixo durante unha hora, pero non transcendeu o contido da súa declaración. De todos os xeitos, si que se sabe que o home confesou os feitos ante a Garda Civil. De feito, na mañá do sábado el mesmo chamou confesando que acababa de cometer un crime e diciendo á Garda Civil que se atopaba na praia fluvial de Ponte Caldelas, para que foran a detelo. Cando chegaron os gardas, estaba no sitio indicado e entregoulles a arma do crime. 

O mozo permaneceu preto de 24 horas ingresado, incomunicado e custodiado en todo momento pola Garda Civil, ata que os médicos decidiron que xa podía recibir o alta e pasar ante o xuíz.

Este luns a Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra tamén terminou o informe sobre o crime, que foi entregado no xulgado xunto co detido.