Infraestruturas confirma que se ultiman os trámites para iniciar os traballos na Variante de Alba

Pontevedra
01 de febreiro 2017

O director da Axencia Galega de Infraestruturas abordou hoxe na Comisión segunda do Parlamento de Galicia as actuacións nas que está a traballar a Xunta para optimizar a mobilidade no concello e a bisbarra de Pontevedra

Reunión na Xunta para falar pola Variante de Alba
Reunión na Xunta para falar pola Variante de Alba / Mónica Patxot

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, destacaba este xoves na Comisión segunda do Parlamento de Galicia que a Xunta está a traballar na mellora da funcionalidade da rede viaria da comarca e do municipio de Pontevedra a través do Plan de Sendas e da mellora da variante de Alba.

Menéndez considera axeitado que o Concello de Pontevedra traballe no tramo máis integrado na cidade da PO-546 unha vez que se formalice a cesión de titularidade desta estrada. Lembrou que na última reunión entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o rexedor estudaría a solicitude da cesión dese tramo máis urbano para actuar nesa superficie desde a administración municipal.

Esta proposta será informada favorablemente pola Axencia Galega de Infraestruturas.

Ademais, Menéndez indicou que o tránsito peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín verase mellorado pola construción, por parte da Dirección Xeral de Costas, dun paseo paralelo á ría, que dará continuidade ao paseo que parte de Pontevedra e á pasarela peonil que se inicia nos Praceres.

A Xunta ten prevista tamén a construción da variante de Alba e a mellora da PO-531 ademais dos itinirerarios prioritarios no Plan de Sendas de Galicia. Dous deles pertencen á PO-531, unha das estradas convencionais con maior intensidade de tráfico en Galicia, no Freixo e na Devesa, que permitirán percorridos peonís, agora mesmo, inviables. Tamén se actuará en tres tramos da PO-223, que suman na Piolla, O Sobral e O Couso. En 900 metros da PO-542, dando continuidade ás beirarrúas existentes, e máis dun quilómetro na PO-225, en Alba.

A administración autonómica liberará de tráfico o viario en Alba coa entrada en servizo da variante conectando a estrada de Vilagarcía e a de Santiago. Esta actuación supoñerá un investimento de 5 millóns de euros. Menéndez apuntou que se remitiu ao Concello a proposta de trazado, que foi aceptada sinalando que era necesario prever como resolver á mobilidade peonil, polo que está a incorporar esa suxestión no documento, para así someter proximamente a información pública o proxecto de trazado.

Ademais, en concellos limítrofes como Poio ou Barro tamén se executarán sendas en estradas como a PO-308, PO-309 ou a PO-531.

Arquivado en