'Individuas de dudosa moral' colga o cartel de "completo"

Pontevedra
25 de marzo 2022

A xornada de memoria histórica 'Individuas de Dudosa Moral', que se celebrará o vindeiro 8 de abril, acaba de colgar o cartel de "completo". Aínda así, todas as persoas que queiran seguir os relatorios poderán facelo a través da páxina web da Deputación e no canle de Youtube provincial

Cartaz das xornadas 'Individuas de moral dudosa'
Cartaz das xornadas 'Individuas de moral dudosa'

A xornada de memoria histórica 'Individuas de Dudosa Moral', que se celebrará o vindeiro 8 de abril, acaba de colgar o cartel de "completo". Aínda así, todas as persoas que queiran seguir os relatorios poderán facelo a través da páxina web da Deputación e no canle de Youtube provincial.

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, incidiu este venres en que as conferencias centraranse na vida íntima das mulleres a través da "satisfacción das necesidades do varón", o roubo de bebés, a persecución das mulleres lesbianas e o 'Patronato de Protección a la Mujer' como cárcere de "descarriadas", entre outras cuestións.

Abrirá os relatorios do día 8 ás 11.30 horas a historiadora María Victoria Martins, que falará da represión global a todas as mulleres polo feito de selo, cuestión manifesta incluso na lexislación, que por exemplo marcaba como delito o adulterio feminino, pero non o masculino.

Coa mesa redonda 'O Patronato de Protección á muller: un cárcere para as descarriadas' continuará a xornada. Nela estará a xinecóloga Enriqueta Barranco e a xornalista Llum Quiñonero, presidenta de Acción Ciudadana contra la impunidad del franquismo.

No coloquio porase de manifesto que as mulleres que non cumprían o perfil considerado como 'correcto' podían ser encerradas en institucións por orde do Patronato de Protección a la mujer, que funcionou desde 1943 ata 1986.

O roubo de bebés será o tema co que se abrirán os relatorios da tarde a cargo de Soledad Luque, presidenta do colectivo 'Todos los niños robados son nuestros niños', e da avogada Maite Parejo. Tamén se contactará por vídeo conferencia cunha vítima viguesa, Marga Rodríguez, irmá dun bebé roubado.

As charlas pecharanse co relatorio que abordará a represión contra a sexualidade das mulleres, en concreto o padecemento que supuxo a ditadura para as mulleres lesbianas, xa que o réxime oscilou entre ignoralas e perseguilas. Dará o seu testemuño Nanina Santos, historiadora, cofundadora da Asociación Galega da Muller, integrante da revista Andaina e profesora de ensino medio xubilada.

Finalmente, a xornada concluirá coa proxección do documental 'Sacar a la luz' de "Art al Quadrat", no que se fala das mulleres do bando perdedor da Guerra Civil española con testemuñas de fillas e netas.