Tanto o BNG como o PSOE reaccionaron ante a decisión da Xunta de Galicia de conceder a autorización administrativa previa e de construción para o desenvolvemento de seis parques eólicos en Cerdedo-Cotobade dentro dos 75 proxectos en Galicia que, a finais de xaneiro, obtiveron unha declaración de impacto ambiental favorable.
Ana Couto, representante do PSOE en Cerdedo-Cotobade, acusa o alcalde Jorge Cubela de gardar un silencio cómplice ante este anuncio de autorización por parte da Xunta. E lembra que este municipio se atopa entre os que se verá afectado por máis polígonos eólicos ao autorizar Os Cotos, Campo das Rosas, Porto Vidros, As Penizas, Touriñán III e Monte Festeiros.
Lembra tamén que existe outro parque en período de alegacións, que é o de ampliación das Penizas e as alegacións a este proxecto pódense presentar ata o 3 de maio.
O grupo municipal socialista lamenta o silencio de Cubela a pesar de pedir en varias ocasións a convocatoria dunha xunta de portavoces para rexeitar de maneira conxunta estas actuacións. Fronte a esta situación, reclaman ao equipo de goberno que inicie as accións xudiciais, reclame medidas cautelares para parar estes proxectos e defender os intereses da veciñanza.
Os proxectos eólicos teñen que executarse antes de xullo de 2025, segundo os prazos establecidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Pola súa banda, o BNG a través do seu portavoz Ernesto Filgueira pregúntase que fará o alcalde unha vez que a Xunta do Partido Popular ignorou as demandas cidadás e consumou o "maior atentado contra Cerdedo-Cotobade das últimas décadas".
Filgueira entende que é un "ataque directo" aos dereitos dos residentes no municipio que mostraron o seu rexeitamento a un "boom eólico depredador" ao entender que supoñerá un desastre para a rede de mananciais que abastecen os fogares. Desde a formación nacionalista culpan directamente ao PP de programar "interesadamente a morte do noso rural para favorecer as grandes enerxéticas amigas".
O portavoz do BNG tamén pide a Cubela que non se esconda e denuncie a actitude do PP e actuar para facer cumprir os acordos plenarios contrarios a estes parques utilizando os medios xudiciais. Por último, anima á veciñanza para seguir loitando por un rural vivo e con futuro.