Indignación en Pontevedra pola sentenza contra 'La Manada': "Non é non. O resto é violación"

Pontevedra
26 de abril 2018

A onda de indignación que sacudiu toda España tras coñecerse a sentenza contra 'La Manada' chegou a Pontevedra. Máis dun milleiro de persoas concentráronse ante a Audiencia Provincial para mostrar a súa máis absoluto rexeitamento a un fallo xudicial que, segundo denunciaron, condena a todas as mulleres

Concentración contra a sentenza aos de 'La manada' / PontevedraViva

A onda de indignación que sacudiu toda España tras coñecerse a sentenza contra 'La Manada' chegou a Pontevedra. Máis dun milleiro de persoas concentráronse ante a Audiencia Provincial para mostrar a súa máis absoluto rexeitamento a un fallo xudicial que, segundo denunciaron, condena a todas as mulleres.

Os cinco membros de 'La Manada', acusados de violar en grupo a unha adolescente de 18 anos, foron condenados a nove anos de prisión, lonxe dos case 23 que pedía a Fiscalía ou os 25 da acusación particular, ao considerar que non houbo agresión sexual senón un episodio de abusos sexuais continuados.

A Audiencia de Navarra rexeita que a vítima fose violada porque os cinco amigos non utilizaron violencia nin intimidación cando abusaron dela.

Un maxistrado, ademais, emitiu un voto discrepante a favor da absolución. Asegura que no vídeo que rexistrou o episodio, á moza víase "desinhibida" e "relaxada", que dos xestos, expresións e sons que emite despréndese "excitación sexual" e que o acto sexual desenvolveuse nun ambiente de "xolda e xúbilo".

"É unha vergoña", reiteraron os asistentes á concentración de Pontevedra, convocada a través de redes sociais polo Colectivo Feminista de Pontevedra. Nela, corearon sen descanso que "se tocan a unha, tócannos a todas" e que, pase o que pase, "ningún agresor pode quedar sen castigo".

Ademais, mostraron un apoio sen fisuras á vítima dun episodio que "diga o que diga a xustiza é unha violación", porque as asistentes a esta concentración, maioritariamente mulleres, lembraron que "non, é non e o resto é violación".

A presidenta do Colectivo Feminista de Pontevedra, Patricia Díaz, lamentou que esta sentenza deixa nunha situación de "indefensión" a todas as mulleres, ao trasladar unha mensaxe de "impunidade" cara a moitos homes "sen escrúpulos" e con tendencias agresivas "que nos tratan coma se fósemos un trozo de carne".

Díaz lamentou que o poder xudicial fose "incapaz" de ditar unha sentenza "xusta e exemplarizante" que impida que en España "siga a normalizarse a cultura da violación". A pesar diso, advertiu que os movementos sociais "non daremos nin un paso atrás" para combater un "terrorismo de xénero absolutamente devastador".

A tenente de alcalde, Carme da Silva, denunciou que esta sentenza é un "ataque directo" á liberdade das mulleres. Considera que a decisión da Audiencia de Navarra é "absolutamente impresentable", porque traslada a toda a sociedade que "non pasa nada por violar a unha muller".

"Estamos dicíndolle ás nosas fillas que teñen que ir con medo, que non poden ir seguras pola rúa porque o sistema non só non as protexe dos agresores, senón que contribúe a que as sigan atacando", engadiu Da Silva.

Tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pronunciouse respecto desta sentenza. A dirixente socialista ve "incomprensible" que "en pleno século XXI" un xulgado non considere que se exerceu violencia "contra unha muller que foi violada por cinco homes", polo que instou a un cambio lexislativo urxente nesta materia.

Na concentración, xunto con representantes de BNG, PSdeG-PSOE e Marea, tamén participou a concelleira de Cidadáns, María Rey, que sinalou que "diga o que diga a sentenza", da que recoñeceu "non satisfai a ninguén", os membros de 'La Manada' "son uns violadores".