O colectivo de pensionistas e persoal xubilado afiliado á CIG concentrábase este xoves na praza da Peregrina para mostrar o seu desacordo coa proposta realizada polo ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá, de aumentar o período de cálculo das pensións a 30 anos, xa que entenden que reducirá aínda máis a contía das pensións futuras.
Lembraron que en xaneiro do ano pasado entrou en vigor a reforma das pensións que, segundo anunciou o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo do IPC. Indican que esta actualización faise en relación ao IPC medio do ano e non se ten en conta o IPC acumulado.
Por este motivo, en 2021 as pensións sufriron unha perda do 4% do poder adquisitivo ao revalorizarse nun 2,5%, que foi a cifra do IPC medio de 2021, en lugar do 6,5%, porcentaxe do IPC acumulado ao peche do ano.
Temen que a suba das pensións de fronte ao 2023 que o goberno cifra nun 8,5% siga provocando unha maior perda de poder adquisitivo cando se publique a cifra de novembro do IPC interanual acumulado..
Ademais, destacan que os pensionistas e xubilados galegos teñen as segundas pensións máis baixas do Estado, Advirten que a nova reforma das pensións que o goberno ten comprometida con Bruxelas supoñerá unha diminución das pensións futuras, das que cobren quen se incorpore á xubilación a partir da entrada en vigor desa reforma, que segundo o comprometido coa Unión Europea publicarase antes do 31 de decembro.
Esixen a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano e a recuperación dos dereitos perdidos. Demandan tamén a derrogación "sen demora" das reformas das pensións, desde 2011 ata 2021.