Incumpre unha orde de afastamento da súa cuñada e ameázaa: "vouche plantar lume"

Umia
09 de decembro 2024

Un veciño de Umia deberá cumprir seis meses de prisión e 15 días de localización por quebrantamento de condena e tres delitos leves de ameazas á súa cuñada e a nai e a avoa dela

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

Un veciño da comarca de Umia deberá cumprir unha condena de seis meses de prisión e 15 días de localización permanente como autor dun delito de quebrantamento de condena e tres delitos leves de ameazas dos que as vítimas son a súa cuñada e a nai e a avoa dela.

Os feitos ocorreron o 4 de outubro de 2023. Ese día, o acusado foi condenado coa súa conformidade polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra como autor dun delito de danos e un delito leve de lesións e a xuíza impúxolle unha orde de afastamento pola que non podía aproximarse a menos de 100 metros da súa cuñada nin comunicarse con ela durante seis meses. Horas despois, incumpriuna.

Esa mañá notificáronlle a orde de afastamento e pola tarde, sobre as 17.00 horas, achegouse á súa cuñada sen respectar a distancia indicada cando ela saía coa súa nai da casa da súa avoa e, ademais, empezou a ameazalas ao tres dicíndolles "os vou quemar, vouche plantar lume, non sabedes dondes os meteches as tres…(Sic)".

Estes feitos, ocorridos na comarca de Umia, chegaron a xuízo no Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra aínda que inicialmente tamén o acusaban de enviar mensaxes de WhatsApp ameazantes á súa cuñada a través do teléfono da súa irmá, saíu absolto desa acusación e condenado polas ameazas leves e o quebrantamento.

O acusado recorreu esa condena e o caso chegou á sección segunda da Audiencia Provincial, que desestimou o recurso e confirmou a pena e os feitos probados, dando por boas as argumentacións da xuíza do Penal.

O home negouno todo, asegurando que se atopaba a unha distancia inferior aos 100 metros da súa cuñada tan só porque o seu domicilio se atopa fronte á casa da avoa da vítima e que non realizou as ameazas polas que lle condenaron, pero o tribunal provincial, como a xuíza inicial, conclúe que "resultaron suficientemente probados, fóra de toda dúbida razoable, a totalidade dos feitos relatados".

Tamén cuestionaba que esas ameazas fosen destinadas ás tres mulleres e non só á súa cuñada, pero a Audiencia ve "evidente" que as ameazas foron dirixidas ás tres mulleres "de forma conxunta".