Incremento do 21,6% en gasto social no orzamento de 39 millóns de euros para 2023 en Sanxenxo

Sanxenxo
20 de novembro 2022
Actualizado: 22 de novembro

O goberno local de Telmo Martín levará ao pleno do 28 de novembro o orzamento municipal para o vindeiro ano. A cifra de 39.295.602 euros contempla as partidas do Concello, Ínsula, Turismo, Terra e Nauta

Pleno de aprobación do orzamento de 2022 no Concello de Sanxenxo
Pleno de aprobación do orzamento de 2022 no Concello de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O luns 28 de novembro, o pleno ordinario de Sanxenxo terá como protagonista ao orzamento que o goberno local presenta para 2023 cunha cifra de 39.295.602 euros, que contempla as partidas do Concello, Insua, Turismo Terra e Nauta.

Rexístrase un incremento de6,5 millóns de euros respecto ao aprobado en 2022 e, segundo indican desde o goberno local de Telmo Martín, débese aos fondos Next Generation e á Xunta de Galicia. 

O esforzo investidor increméntase un 21,6% en servizos como Axuda no Fogar, escolas infantís e Centro de Día cunha partida de 2.008.800 euros. Supón un incremento de 2,6 millóns se se inclúen tamén os gastos do CIM, Taller de Memoria, Servizos Sociais e Educación para Maiores. O gasto social por habitante, segundo o Concello, aumenta por sétimo ano consecutivo e sitúase en 148 euros.

Os investimentos contan con 2.754.563 euros procedentes de fondos propios para diversos proxectos e 6.648.896, procedentes da Xunta de Galicia e de fondos europeos. Este diñeiro irá destinado á reforma da Praza do Pazo; o boulevard de Portonovo; mellora do Pazo Emilia Pardo Bazán, o campo de festas de Dorrón; mercado de Sanxenxo; rehabilitación do colexio do Cruceiro; recuperación da Ría de Arousa e o Pazo de Quintáns; a primeira fase de Batea en Terra; e a nave de multiservicios municipais.

No orzamento, aclara o goberno local, inclúense as axudas previstas por parte da Xunta de Galicia, que ascenden a 1,5 millóns de euros, que irán destinados ao mercado.