Increméntase en 44 persoas o padrón de Ponte Caldelas durante este 2021

Ponte Caldelas
29 de outubro 2021

O goberno local entende que o Concello é o máis atractivo para vivir e traballar na comarca. Tamén expón que no mes de setembro reduciuse a cifra de desempregados en sete persoas

Persoas en Ponte Caldelas
Persoas en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Incrementa a poboación en Ponte Caldelas. Desde o goberno local mostran a súa satisfacción porque neste 2021 hai 44 veciños máis. Rexistráronse 268 altas no padrón e 224 baixas. En todo caso, o crecemento vexetativo, do mesmo xeito que sucede no cómputo xeral de Galicia, é negativo. Durante este ano houbo 21 nacementos e 57 defuncións neste municipio.

En canto a cifras de desemprego, o mes de setembro permitiu reducir en sete persoas a lista do paro en Ponte Caldelas, segundo os datos que manexa o goberno municipal.

#Ante estes datos, Andrés Díaz, alcalde da vila, considera que se está realizando un traballo de dinamización no Concello, que ofrece os seus froitos con estes resultados. Afirma que é un municipio vivo ao que hai poboación que quere trasladarse a vivir porque sendo un  concello rural dispón de todas as comodidades que ofrece unha cidade ao estar "perfectamente comunicado con Vigo e Pontevedra".