Incorporación de ecógrafos de última xeración en Urxencias do Salnés

O Salnés
05 de abril 2025

Este material de última xeración mellorará a atención de patoloxías urxentes no Hospital comarcal do Salnés en Vilagarcía

José López e Manuel Vázquez Lima cos ecógrafos
José López e Manuel Vázquez Lima cos ecógrafos / Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

O servizo de urxencias hospitalarias do Hospital comarcal do Salnés en Vilagarcía de Arousa incorporou recentemente unha dotación de ecógrafos de última xeración para mellorar a atención de patoloxías urxentes.

Esta iniciativa forma parte da liña estratéxica da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés para incrementar a calidade asistencial ofrecida aos pacientes do distrito sanitario arousán.

Os profesionais do servizo de Urxencias participan actualmente nun programa formativo específico sobre esta técnica, organizado desde a propia área asistencial do hospital.

O programa inclúe tanto sesións clínicas como prácticas titorizadas para garantir o aproveitamento óptimo dos novos equipamentos.

O doutor Manuel Vázquez Lima, xefe de servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, acompañado polo xerente da área José López, destacou a importancia desta incorporación: "A ecografía consolidouse como unha ferramenta esencial na nosa práctica asistencial e clínica diaria, xa que aumenta a eficiencia diagnóstica e potencia a súa certeza".

Engadiu que "o seu desenvolvemento permítenos avances significativos na calidade asistencial da atención urxente, ao proporcionarnos información en tempo real que facilita a toma de decisións en situacións críticas".

Nos últimos anos, a tecnoloxía no eido dos ecógrafos evolucionou notablemente, con dispositivos máis compactos e accesibles que optimizan a súa portabilidade sen comprometer a calidade e resolución das imaxes. Estes avances tecnolóxicos facilitan a incorporación da ecografía na práctica diaria das consultas médicas, mellorando significativamente a capacidade de diagnóstico.