Os Bombeiros deron por controlado o espectacular incendio que se orixinou nun edificio da rúa Michelena e se propagou polo que alberga o comercio de roupa A Moda Ideal, situado nos soportais da Ferrería.
Dúas horas e media despois de iniciarse o lume, os bombeiros lograron apagar as lapas por completo e, contra as 22.50 horas, centráronse xa nas tarefas para enfríar a zona e evitar que se reaviven as chamas.
O incendio comezou ao redor das 20:30 horas deste luns 1 de febreiro no piso superior do edificio de Michelena, orixinando moito fume.
Os Bombeiros trasladáronse de inmediato ata a zona para tentar sufocar o lume, que se foi estendendo ao edificio lindeiro a través dunha galería de madeira.
En total, dos edificios situados a ambos lados do inmoble que quedou calcinado, os Bombeiros e a Policía Local tiveron que desaloxar nove persoas. Ningunha delas resultou ferida no incendio.
A Policía Local desaloxou tamén a praza da Ferrería onde se atopaban numerosos viandantes que tentaban gravar o incendio cos seus teléfonos móbiles. Tamén se cortou a rúa Michelena e os accesos a todo este ámbito.
As chamas provocaron numerosas explosións, ao estoupar cristais das ventás e as tellas da cuberta do edificio. A máis chamativa produciuse ao explotar o cadro eléctrico do inmoble.
Polo momento, descoñécense as causas do incendio.