Incautan varias doses de cocaína nun establecemento da rúa Cousiño

Pontevedra
16 de febreiro 2025
Actualizado: 17 de febreiro

Os axentes procederon ao rexistro das persoas que había no local, o que permitiu achar, 0.28 gramos de marihuana, outra dose de 0.94 gramos de cocaína, e cinco doses de cocaína con 4,55 gramos

Policía Local
Policía Local / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra informou dunha incautación de varias doses de cocaína durante unha intervención nun establecemento da rúa Cousiño, no centro histórico da cidade.

Foi o pasado 8 de febreiro, ao redor das 02.15 horas.

Durante un control de vehículos estacionados de xeito incorrecto, os axentes sorprenderon un home miccionando ao carón do número 26 da rúa Licenciado Francisco de Paula Cousiño, motivo polo que procederon a súa identificación.

Esta persoa mostrouse "pouco colaborativa" cos policías. Durante o rexistro corporal, os policías comprobaron que tiña no seu poder unha dose de 0.52 gramos dunha substancia que semellaba ser cocaína que, segundo dixo aos axentes, conseguira no local que se atopaba ao seu carón.

Con esta información, a patrulla de mando que se atopaba no lugar decidiu organizar un operativo e comprobar o establecemento ao que facía referencia a persoa rexistrada.

Estas fontes oficiais detallan que os axentes procederon ao rexistro das 14 persoas que había no local, o que permitiu achar, 0.28 gramos de marihuana, outra dose de 0.94 gramos de cocaína, e cinco doses de cocaína con 4,55 gramos en total.

Unha vez finalizado o operativo, os axentes procederon coas distintas denuncias pola incautación das substancias intervidas.