Incautan un quilo de droga tras desarticular dous puntos de venda ante colexios de Caldas

Umia
18 de xullo 2019

A investigación da Garda Civil, no marco da operación "Ponte", comezou a finais do pasado mes de maio por mor de varias denuncias cidadás que alertaban da venda de droga nas inmediacións destes colexios onde, segundo relataban as testemuñas, chegaron a vendela a dous menores de 15 anos

Droga e efectos incautados na operación "Ponte" en Caldas
Droga e efectos incautados na operación "Ponte" en Caldas / Guardia Civil de Pontevedra

Dous puntos de venda de droga a escasos metros de varios centros escolares de Caldas de Reis. É o que permitiu desarticular unha operación da Garda Civil, que concluíu coa incautación dun quilo de droga, a detención de dúas persoas e oito investigados máis.

A investigación da Garda Civil, no marco da operación "Ponte", comezou a finais do pasado mes de maio por mor de varias denuncias cidadás que alertaban da venda de droga nas inmediacións destes colexios onde, segundo relataban as testemuñas, chegaron a vendela a dous menores de 15 anos.

Os axentes lograron identificar os dous principais responsables destes puntos de venda, dous homes de 38 e 28 anos, que foron detidos e acusados dun delito contra a saúde pública por promover, favorecer o consumo e proposición ao tráfico de drogas.

Un deles, segundo avanza a Garda Civil, ingresou en prisión preventiva despois de que no rexistro da súa vivenda, acháranse 5.200 doses de cocaína e 180 de haxix, todas elas dispostas para a venda, así como diñeiro, efectos e os útiles usados habitualmente para a preparación e distribución de substancias estupefacientes.

Tras estas detencións, os axentes localizaron á rede de colaboradores e intermediarios que participaban na distribución e venda da droga, oito persoas con idades comprendidas entre os 24 e os 45 anos.

As dilixencias, os detidos e os efectos intervidos foron postos ao dispor do xulgado de instrución de garda de Caldas de Reis.