Incautados preto de 40 quilos de ameixa extraída por mariscadores furtivos na praia de Combarro

Poio
28 de novembro 2017

As tres persoas identificadas, que xa teñen antecedentes por marisqueo furtivo, son veciños do mesmo municipio de Poio e foron denunciados por unha infracción administrativa, da que terán que responder, posiblemente cunha sanción económica, ante os órganos competentes da Xunta de Galicia

Marisco incautado en Poio
Marisco incautado en Poio / Guardia Civil

A Garda Civil e os vixiantes de gardapescas da Confraría de Pescadores San Telmo incautaron 37 de quilos de ameixa, no transcurso dun operativo conxunto desenvolvido contra o marisqueo furtivo no municipio de Poio.

Os feitos sucederon durante a madrugada do pasado luns cando unha patrulla de seguridade cidadá do posto da Garda Civil de Pontevedra sorprendeu, ás dúas da madrugada, a tres mozos que saían da praia de Combarro coa roupa e o calzado totalmente mollado.

Co apoio e colaboración dos vixiantes de seguridade da confraría, fíxose unha batida pola praia e localizáronse tres sacos cheos de ameixa, escondidos entre as rocas e tapados con algas, que contiñan 37 quilos de ameixa xapónica.

Unha vez levantada o acta de incautación das ameixas, onde se reflicte que, polo menos, catro quilos non alcanzaban a medida mínima regulamentaria para a súa comercialización, por parte dos vixiantes da confraría procedeuse á súa devolución ao medio mariño.

As tres persoas identificadas, que xa teñen antecedentes por marisqueo furtivo, son veciños do municipio de Poio e foron denunciados por unha infracción administrativa, da que terán que responder, posiblemente cunha sanción económica, ante os órganos competentes da Xunta de Galicia.