O novo espazo que ocupa o Hospital de Día do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra abrirá este venres 14 as súas portas na entrada a consultas externas no Hospital Provincial, na zona que ata hai uns meses ocupaba o servizo de extracción de sangue, con acceso directo a través da rúa Joaquín Costa.
O xerente da área sanitaria José Flores inauguraba este xoves esta zona que mellora as condicións de confort sanitario cun incremento de postos de atención de pacientes, pasando dos cinco do anterior servizo a dez na actualidade. A zona permite ocupa máis de 90 metros cadrados e conta cun aseo adaptado no interior, con zona de control e de traballos técnicos de enfermería, ademais dun espazo para realizar puncións e extraccións.
O departamento presenta biombos separadores entre os postos de cada paciente, unha pantalla de entretemento, espazo para padiolas e un carro de paradas con desfibrilador. Para acometer a obra reformáronse as instalacións principais de fontanería que discorrían enterradas na zona reformada no vestíbulo do Hospital Provincial, segundo indican desde a xerencia.
José Flores sinalou que se trata dunha zona "máis adaptada aos tempos modernos". Pola súa banda, Susana Romero, directora asistencial, explicou que este espazo destínase a tratamentos biolóxicos por vía intravenosa, citostáticos para enfermidades inflamatorias ou con tratamentos de inmunoglobulinas. Desta forma, diferentes especialidades beneficiaranse deste servizo: Reumatoloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía, Dermatoloxía, Medicina Interna, Nefroloxía e Obstetricia.
Loli Formoso, enfermeira deste servizo, recoñecía que se trata dun "cambio substancial" para atender a ao redor de quince pacientes diarios. Ante o incremento de postos, tamén se aumentará o persoal ocupándose deste servizo dúas enfermeiras, unha máis que antes, e unha auxiliar. O recinto conta tamén con novo sistema de ventilación, climatización e unha rede de iluminación LED regulable.