Inauguran en Cerdedo-Cotobade a mostra "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"

Cerdedo-Cotobade
08 de xuño 2022

A exposición itinerante presenta as biografías de 13 mulleres da emigración e poderá visitarse no Edificio Antonio Fraguas da Chan, Carballedo, ata o 28 de xuño

Inauguración en Cerdedo-Cotobade da mostra "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"
Inauguración en Cerdedo-Cotobade da mostra "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino" / Deputación de Pontevedra

“Pontevedra en América. Unha mirada en feminino”, a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela para poñer en valor a historia de trece mulleres da emigración, vén de inaugurarse esta tarde no Edificio Cultural e Turístico Antonio Fraguas da Chan, en Carballedo (Cerdedo-Cotobade), cunha homenaxe a Nélida Piñón a cargo de Carmen Villarino.

A presidenta provincial Carmela Silva, acompañada da catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, e da directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, amais de polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, enxalzou a importancia da exposición por “presentar a mulleres moi potentes, que son a nosa historia, historia roubada que nós recuperamos para que a sociedade coñeza todas as súas aportacións”.  

A presidenta animou á cidadanía a achegarse ata o Edificio Cultural e Turístico Antonio Fraguas da Chan ata o 28 de xuño, data da clausura da mostra, “para coñecer a experiencia vital destas grandes mulleres nadas na provincia de Pontevedra que emigraron, ou nadas na emigración pero cunha orixe pontevedresa, que xogaron un papel fundamental e imprescindible aínda que invisibilizado”.

Ademais, reivindicou a necesidade desta mostra coa que “estamos a completar a historia da relación entre Galicia e América”, e enxalzou a figura de Nélida Piñón, a escritora brasileña cuxo pai naceu en Cerdedo-Cotobade e cuxa nai, aínda que brasileira, tamén era orixinaria deste concello. “É unha das grandes escritoras contemporáneas cunha ampla bibliografía e obras traducidas en máis de 30 países, nada máis e nada menos. Un verdadeiro orgullo para todas e todos nós”, subliñou.

Sobre Nélida Piñón afondou Carmen Villarino, doutora de Filoloxía Galega pola USC cunha tese sobre literatura brasileira titulada “Aproximaçao à obra de Nélida Piñón. A República dos Sonhos” que lle fixo acadar o Premio Extraordinario de Doutorado. Villarino detívose na ampla carreira da escritora e a súa traxectoria vital, a carón de ambas beiras do Atlántico.

Ademais de Nélida Piñón, integran a mostra outras doce mulleres que foron presentadas por María Xosé Rodríguez Galdo, quen fixo un percorrido guiado polos paneis que compoñen a exposición itinerante: Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez.

Logo do seu paso por Cerdedo-Cotobade, e antes por Silleda e Pontevedra, a mostra continuará por Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela.