Inaugurada a ampliación da antiga escola unitaria de Arén, convertida en local social

Poio
14 de marzo 2025

Esta infraestrutura permitirá realizar actividades sociais, culturais e de empregabilidade, converténdose nun punto de encontro fundamental para a veciñanza

Inaugurada a ampliación do Centro social de Arén
Inaugurada a ampliación do Centro social de Arén / Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, inauguraron este venres a rehabilitación e ampliación da antiga escola unitaria de Arén, na parroquia de Samieira, que agora pasará a funcionar como centro social.

A obra, impulsada a través do Programa de Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) do Ministerio de Transportes, contou cun investimento total de 277.000 euros, dos que o Goberno de España achegou 158.000 euros.

Respecto da achega do Concello de Poio, o alcalde explicou que había unha solicitude feita polo anterior goberno local para poder facer esta reforma "pero faltaba a achega municipal" duns 120.000 euros e "estábase incumprindo o cronograma que se enviou a Europa" polo que "estaba en risco perder esta subvención".

Ángel Moldes destacou a xestión feita polo actual goberno local que conseguiu sacar adiante este proxecto que transformou á antiga escola unitaria nunha instalación "máis cómoda, máis confortable, máis funcional" que estará destinada a "facer pobo".

"É un día moi importante para Samieira, para Poio", asegurou o rexedor.

Pola súa banda, na súa intervención o subdelegado recalcou a importancia desta actuación como "exemplo do compromiso do Goberno de España" coa mellora dos edificios públicos e a revitalización dos servizos nas zonas do rural galego para que "estes inmobles non queden baleiros, senón que estean cheos de xente", afirmou.

O acto contou coa asistencia dunha numerosa representación da veciñanza de Samieira, entre a que había persoas que cursaran estudos de Educación Infantil neste inmoble agora rehabilitado.

Este edificio, destacaron, nunca quedou abandonado pois tras o peche da escola seguiu albergando actividades veciñais.

O novo local social de Arén conta con tres salgas de uso polivalente, melloras na accesibilidade, eficiencia enerxética renovada e un sistema de iluminación máis sostible.

Esta infraestrutura permitirá realizar actividades sociais, culturais e de empleabilidad, converténdose nun punto de encontro fundamental para a veciñanza.