O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores inaugurou este luns a nova residencia de Amencer-Aspace no Centro Sur acompañado doutros membros da corporación e de responsables da entidade social.
Esta residencia permitirá acoller a 32 persoas con parálise cerebral, 16 por planta. "É un equipamento necesario, pois xa sabemos que hai persoas que precisan de coidados e atención e contan cunha avanzada idade, e os propios pais xa non poden atendelos como podían", dixo no seu discurso o rexedor.
"O modelo de cidade non é completo se non atende ás persoas que teñen máis necesidades",apuntou Lores. Este equipamento supón "un salto importante na atención as persoas dependentes" nunha capital inclusiva e accesible, destacou o rexedor.
O presidente de Amencer, Carlos Godoy, agradeceu o "esforzo e a enorme sensibilidade amosada polos compoñentes da corporación local" sinalando que "Pontevedra pode estar orgullosa destas instalacións".
Esta fase da reforma do edificio contou cun orzamento de adxudicación de 1.5 millóns de euros. O proxecto, executado pola empresa Construcciones Ramírez, contou con financiamento municipal e tamén coas axudas europeas concedidas a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".
As obras implicaron o reforzo da estrutura do edificio, habilitar accesos diferenciados para os diferentes usos, instalar un ascensor e acondicionar os dous pisos destinados á residencia de Amencer-Aspace. Aínda está pendente a reforma das dúas últimas plantas que ocupará a asociación Cogami-Amizade para utilizar como centro de día e tamén como centro de inserción laboral.
Carlos Godoy explicou que Amencer-Aspace quere que a Consellería de Política Social asuma unhas dez prazas concertadas nesta residencia, coa intención de que axude a asumir os custos para as familias que o precisen. A súa intención é que a residencia poida iniciar a súa actividade en setembro deste ano.
Amencer-Aspace conta na actualidade con 150 persoas asociadas, ás que hai que sumar aquelas que reciben tratamentos externos de rehabilitación en centros da asociación situados en Vilagarcía, Pontevedra e Vigo.
Por último, o alcalde lembrou que esta reforma é posible grazas á firma do convenio coa ONCE que permitiu incorporar ao patrimonio municipal o ximnasio e este Centro Sur ademais de conectar esta zona co centro da cidade.