A inauguración do alumeado e do belén artesanal, arranque do Nadal en Moraña

Umia
13 de decembro 2024

O alcalde, Sito Gómez, destacou que esta programación está pensada para todas as familias e busca que toda a veciñanza encha as rúas do municipio e que estas sexan un "punto de encontro social"

Belén artesanal de Moraña
Belén artesanal de Moraña / Concello de Moraña

Moraña xa ten o seu Nadal a pleno rendemento. É cunha programación que inclúe unha vintena de actividades que arrancou coa inauguración do alumeado ornamental e da Aldea de Nadal, na carballeira de Santa Lucía, e do belén artesanal no Edificio Multiusos.

Este belén, realizado pola Asociación de Mulleres Rurais de Moraña, preséntase este ano baixo o lema de "Nove parroquias, nove razóns".

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, destacou que esta programación está pensada para todas as familias e busca que toda a veciñanza encha as rúas do municipio e que estas sexan un "punto de encontro social" e un impulso económico para comercios, empresas e hostalería.

Tras a posta en marcha do Nadal, a programación continuará o domingo o 15 coa apertura da II Feira de Nadal na carpa situada ao carón do Multiusos e na que participarán comerciantes, artesáns e artistas locais.

Xa a próxima semana, haberá unha exhibición de ballet (martes 17), proxección de documentais do ciclo Mestre Mateo (mércores 18 e xoves 19), o festival da Escola Municipal de Música (venres 20), a visita de Papá Noel (sábado 21), a proxección do filme O Corno (sábado 21) e o XXII Certame de Corais con Voces Amigas, Lembranzas de Marín e Chorima de Moaña (domingo 22).

Na semana central do Nadal haberá diversas actividades infantís, como obradoiros (luns 23 e venres 27), teatro (xoves 26) e cine (venres 27).

Ademais, na súa parte final celebrarase o certame de fin de ano coas agrupacións locais Airiños da Amil, Nova Lira, Voces Amigas, Cánticos de Amil e Chinguilipé (domingo 29).

A última semana destas festas arrancará a súa programación coa proxección da película Fatum (luns 30) e o Baile de Aninovo (mércores 1) a partir das 01.00 horas coa disco móbil Chocolate e o DJ José Blanco na carpa situada no patio traseiro da Casa da Cultura.

Finalmente, o domingo 5 de xaneiro será a cabalgata de Reis co seu tradicional percorrido por todas as parroquias de Moraña co inicio ás 15.40 horas no campo de Lebón e a súa chegada prevista á carballeira de Santa Lucía sobre as 20.20 horas xunto coa Banda de Música Nova Lira.

Os cativos poderán entregarlles as súas cartas ás Súas Maxestades e posteriormente todos os asistentes disfrutarán dunha chocolatada con rosca.