Adxudicada a primeira fase de recuperación medioambiental da anigua dársena portuaria de Marín, o coñecido como Cemiterio de Chalanas.
O Concello de Marín informou da adxudicación á empresa Marcor Xove SL, por valor de 270.733 euros, da actuación de recuperación da lámina de auga da dársena, co obxectivo de que se poida utilizar no futuro para actividades náutico-deportivas.
É o primeiro paso dun proxecto máis ambicioso, que é a recuperación de toda a zona que conecta a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco e que seguirá coa mellora da contorna urbana.
Esta primeira fase custearase con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística.
O proxecto consistirá en abordar as problemáticas que presenta esta zona acuática, en cuxo fondo se atopan pneumáticos, fondeos, amarres e restos de obra.
Por todo iso está previsto limipar todos os fondos, retirando os residuos. Ademais, actuarase no fondo fanganoso da dársena para nivelalo e poder así estender unha capa de area de maneira regular. Tamén se retirará o actual tubo de pluviais para pór un novo tubo que garanta unha boa recollida de augas.
Segundo explica o Concello unha vez realizadas estas tarefas, colocarase unha capa xeotextil que terá unha función de filtro para evitar a mestura do lodo do fondo coa capa de area, ademais dunha función estrutural.
Por último limparanse as paredes verticais do peirao e instalarase unha plataforma flotante de aluminio para proporcionar un elemento de apoio ás embarcacións deportivas.