A Asociación Rexurdir de Actividades Sociais leva 30 anos dando apoio a colectivos especialmente vulnerables do concello de Marín. O seu labor acaba de ser reforzado, grazas ao apoio do Plan Social de Ence e o seu "Programa de axudas a entidades que loitan contra a exclusión social".
Como nos indica Patricia Fuentes, a técnica de programas de Rexurdir, "trátase dun proxecto integral, onde procuramos dar cobertura a varias necesidades" e ao maior número de beneficiarios posibles.
A axuda de Ence será clave para reforzar tres servizos que habitualmente leva a cabo Rexurdir. É o caso do servizo de información e asesoramento, onde se atende a preto de 200 persoas ao ano, o servizo de acompañamento na procura de emprego e o de apoio psicosocial.
Para Fuentes, o apoio psicosocial é, a miúdo, o primeiro paso para abordar situacións de vulnerabilidade "porque van arrastrando problemas durante anos e mesmo a situación persoal non é a máis adecuada para poder buscar traballo ou acceder ao mercado laboral". Trátase dun tipo de usuarios en risco ou en situación de exclusión social que "dificilmente poden acceder a unha consulta privada e necesitan ese apoio psicolóxico".
Outra das áreas que vai contar co respaldo de Ence é a formación, con catro cursos que se adaptan ao perfil das persoas que acoden á asociación. Falamos, en moitos casos, de parados de longa duración ou con baixa cualificación, que van poder acceder, deste xeito, á formación ocupacional a través do curso de auxiliar de axuda a domicilio, auxiliar de cociña, carretilleiro ou o curso de tarefas básicas de mantemento e reparacións de edificios.
As dúas últimas áreas onde se van a destinar as axudas de Ence abarcan ao elo máis débil en situacións de exclusión social: os nenos e os mozos. Para eles vanse a destinar os programas de prevención do fracaso escolar e a aula de reforzo para Primaria e Secundaria.
O "Proxecto de atención integral a familias en situación e/ou risco de exclusión social" únese a un total de 226 proxectos seleccionados na I Convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra, en resposta ao Pacto Ambiental entre a Xunta de Galicia e Ence.