Dez restaurantes do municipio participan no proxecto piloto que puxo en marcha o Concello de Poio para probar a viabilidade da recollida porta a porta dos residuos orgánicos que producen os grandes xeradores do municipio.
Todos eles, segundo destaca o goberno municipal, teñen un papel clave no tratamento do lixo polo peso significativo que provocan no total dos residuos que xeran.
Os restaurantes que colaboran nesta primeira experiencia que, posteriormente, irase ampliando ao resto de negocios son La Terraza, As Coruxas, Rodicio Porteliña, Casa Ces, La Almacería, Casa Laura, Casa Susa, O Remo, Bar Aquelo e O Lar de Expósito.
A todos eles, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, xa se lles están proporcionando de xeito gratuíto todos os materiais que necesitan para realizar unha correcta separación da fracción orgánica,
Ademais, os técnicos xa están facendo visitas a cada un deles para explicar con máis detalle o funcionamento deste proxecto e informar sobre os horarios e as frecuencias da recollida de biorresiduos para facilitar a xestión.
Esta recollida porta a porta estará vinculada á planta de compostaxe de Vilanova de Arousa, asegurando que os biorresiduos recollidos teñan un destino sustentable.
O edil de Medio Ambiente agradeceu a implicación dos restaurantes e recordou que, para garantir a protección do medio e da contorna, é fundamental comprometerse coa reciclaxe e co aproveitamento dos residuos.
A súa correcta xestión, engadiu, permite recuperar este recurso natural, contribuír á mellora ambiental e económica do concello, reducir o tratamento dos residuos, evitar emisións de CO2 á atmosfera e avanzar no cumprimento das normas vixentes.
Para garantir a correcta separación dos residuos, desde o Concello de Poio tamén se lles facilitará formación para todo o persoal. Nesta liña, recordan que esta colaboración é fundamental para facer de Poio un municipio máis sostible e comprometido co medio ambiente.
Manuel Domínguez subliñou que esta iniciativa tamén repercute de xeito moi beneficioso nos negocios que participan, xa que a correcta separación e xestión dos biorresiduos pode contribuír a unha redución de custos asociados á xestión de residuos no futuro
O local, ademais, será recoñecido como un negocio comprometido coa economía circular.
Para levar a cabo esta iniciativa, o Concello de Poio conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e co financiamento dos fondos europeos Next Generation.