O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, e o director de obra do proxecto de Pedreiras convocaron este xoves á veciñanza da zona para trasladarlles a situación na que se atopan as obras e cales son as dificultades que foron aparecendo coa súa execución.
Novas asegura "entender perfectamente o malestar dos veciños polas incomodidades e os retrasos que se están a producir", e indicou que se está a axilizar todo o posible para resolver a problemática que se presenta de cara ao 60% da obra que está pendente de executar.
O edil trasladou aos veciños presentes que será preciso facer un proxecto modificado, debido a que existe unha tubería de abastecemento de auga (que conecta o litoral co depósito da zona) da que inicialmente non se prevía a súa renovación, "xa que estaba en bo estado e pensábase que discorría por unha marxe".
Sen embargo, coa realización das catas pertinentes, viuse que o seu trazado era totalmente en zigzag, o que provoca que sexa "moi complexo técnicamente renovar o resto dos servizos sen afectar a esa tubería".
Polo tanto, modificarase o proxecto para poder incluir esta renovación e poder seguir coa obra.
Este modificado, que xa está sendo elaborado, terá que ser aprobado pola Deputación de Pontevedra, como administración que financia a execución dos traballos.
"Polo tanto, ata que non cheguemos a ese punto a obra terá que estar parada, pero iso non significa que non se vaia rematar e vaiamos seguir traballando por mellorar todo Pedreiras", rematou Novas.
A previsión que hai ante esta situación é que a empresa vaia a próxima semana para pechar as catas e crear un trazado de pluviais alternativo para, provisionalmente, evitar as inundacións que nos últimos meses afectaron a algunhas vivendas.