Imposible conseguir cita médica no centro de saúde de Baltar

Sanxenxo
12 de agosto 2022

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo denuncia que as axendas de todos os médicos están xa pechadas para todo o mes de agosto.

Unha concentración protesta diante do centro de saúde de Baltar
Unha concentración protesta diante do centro de saúde de Baltar / Plataforma Pola Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo amosa a súa "máis profunda indignación" polo que está a suceder no Centro de Saúde de Baltar, no que, denuncian, as axendas de todos os médicos están xa pechadas para todo o mes de agosto.

Desde o colectivo xa viñan alertando no mes de xullo da merma de persoal de enfermaría e a ausencia de médico no PAC. Pero os problemas agraváronse en agosto cando a merma estendeuse ao plantel de médicos de familia. Agora xa non se poden sacar citas para este mes nin para consultas, nin para receitas, nin para baixas laborais. 

Só poden conseguirse chamando por teléfono ao centro de saúde e que poñan en contacto ao paciente co profesional responsable.

Durante toda a semana sucedéronse as queixas dos usuarios ao recibir chamadas para anularlles as citas. Tras acudir ao centro de saúde, "confírmannos que as axendas levan pechadas tres días, e que as citas que se daban mediante a aplicación do Sergas eran anuladas", denuncian.

Aseguran desde a Plataforma que "neste momento encóntranse consultando catro médicos de oito no centro de saúde, pero só atenden urxencias, PAC e desprazados", rematan.