Ilustradores galegos alíanse co colexio da Reigosa para loitar contra os efectos dos incendios

Ponte Caldelas
24 de abril 2018

Por un mundo máis verde é o título da exposición con poxa solidaria que o colexio da Reigosa e o Concello de Ponte Caldelas poñen en marcha gracias á colaboración de 17 coñecidos ilustradores do libro galego

Presentación da exposición "Por un mundo máis verde"
Presentación da exposición "Por un mundo máis verde" /

Por un mundo máis verde é o título da exposición con poxa solidaria que o colexio da Reigosa e o Concello de Ponte Caldelas poñen en marcha grazas á colaboración de 17 coñecidos ilustradores do libro galego.

“Buscamos a axuda dos ilustradores que máis nos gustaban e atopámonos con que respostaron de seguido, enviando as súas creacións”, subliñaron Tania Rivas e Estefanía Torres, docentes do centro.

A maioría das obras están deseñadas en formatos dixitais, pero tamén hai algunha feita a man.

As profesoras explicaron que con esta actividade conséguense varios obxectivos, ao introducir a problemática medioambiental derivada dos lumes nas clases, promocionar o achegamento ao libro galego e á lectura e, ademais, difundir o labor dos creadores.

A exposición pode visitarse na Casa da Cultura de Ponte Caldelas entre o día 30 deste mes de abril e o 6 de maio, en horario de 15.30 a 21.30 horas agás o sábado que estará de 10 a 14 e de 17 a 20 horas, e o domingo, de 17 a 20 horas.

As 17 ilustracións que poden contemplarse e adquirirse son obra de Eva Agra, Cristina Ouro, Abraham Carreiro, Xan López, María Montes Sueiro, Carlos Taboada, Kiko Dasilva, David Pintor, Luz Beloso, Iria Iglesias, Lucía Cobo, Óscar Villán, Nuria Díaz, María Fernández Novoa, Michel Casado, Dani Viéitez e Natalia Rey Pirusca.

Xunto con eles haberá tamén oito lienzos, pintados con técnica mixta, polo alumnado de cada un dos cursos do colexio da Reigosa.

Todas as obras poden conseguirse polo sistema de poxa silenciosa. Para elo basta con encher un papeliño, identificándoa e ofertando unha cantidade. A oferta se depositará na caixa das poxas. Ao remate, cada ilustración ou cadro adxudicarase ao mellor poxador.

A recadación servirá para financiar iniciativas de axuda e concienciación social tras a vaga de lumes que o pasado 15 de outubro varreu Ponte Caldelas.