Ilusión e maxia seducirán no Grove a finais de setembro

O Salnés
17 de setembro 2024

Este evento, dirixido a todos os públicos, terá lugar os días 28 e 29 de setembro e contará coa participación de tres magos e unha maga de prestixio estatal. As persoas que desexen asistir a calquera das funcións deberán retirar os seus convites na Biblioteca Municipal do Grove a partir do mércores 18 de setembro, deixando a cambio alimentos para Cáritas

A ilusionista Martilda
A ilusionista Martilda / @magamartilda

O Concello do Grove organizará un Festival de Maxia durante a última fin de semana de setembro.

Esta proposta vai dirixida a todos os públicos e terá lugar os días 28 e 29 de setembro e contará coa participación de tres magos e unha maga de recoñecido prestixio nacional.

O sábado 28 de setembro ás 19:00 horas, o Auditorio do Grove acollerá o espectáculo 'Confeti' a cargo de Francis Zafrilla.

Trátase dunha iniciativa única e orixinal que combina o ilusionismo cos monicreques nun show musical que promete encher de enerxía positiva aos asistentes.

O domingo 29 de setembro, a programación comezará ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal do Grove co espectáculo 'A maxia de Dani Danielo', unha mestura de teatro, humor e maxia con momentos de interacción co público.

Para rematar o festival, o domingo ás 19:00 horas celebrarase no Auditorio do Grove a Gran Gala de Maxia, na que participarán catro magos de diferentes partes de España: o Mago Paco, a Maga Martilda, Dani Danielo e Francis Zafrilla.

O Festival de Maxia terá tamén un carácter solidario. As persoas que desexen asistir a calquera das funcións deberán retirar os seus convites na Biblioteca Municipal do Grove a partir do mércores 18 de setembro, deixando a cambio alimentos para Cáritas.

O evento está financiado polo Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.