"Só educando en igualdade poderemos vivir en igualdade". Esta foi unha de consignas que se incluíron no acto que deu inicio ao paro internacional das mulleres con motivo do Día da Muller. Fronte ás portas do Pazo Provincial, Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, quixo facer un chamamento aos gobernos sobre a necesidade dun "compromiso serio e total" que loite contra a discriminación da muller en todos os seus sentidos.
A violencia machista, a brecha salarial, a explotación sexual, e os dereitos sexuais e reprodutivos son algunhas das barreiras que a Deputación considera importante derrubar, reforzando a "igualdade de deireitos políticos, sociais e laborais", explicou Muradas, "porque cando non se avanza, retrocédese". E é que aínda queda moito camiño por andar nunha sociedade onde a discriminación, a desigualdade e o patriarcado seguen presentes e que aumentará pola falta de medidas adecuadas para a súa erradicación.
Só en Galicia, precisou a xefa de Igualdade, o 23% das mulleres asalariadas non conseguiron no 2014 uns ingresos equivalentes ao salario mínimo profesional. Unha cifra que aumenta se falamos da poboación feminina non activa, un 48,7%, dez puntos por baixo no que respecta aos homes. "A falta de apoio continuado ás politicas de igualdade, dan como resultado o empobrecemento das mulleres, sobre todo das mais vulnerables, o que incide na feminizacion da pobreza", denunciouse ante a Deputación. Tamén se quixo destacar a necesidade de que o goberno se comprometa a velar por todas aquelas mulleres que sofren de "discriminación múltiple" por motivo dunha discapacidade e que se fomente o acceso á educación superior dese colectivo e a súa participación social e política.
Como parte deste compromiso, a concentración feminista foi convocada entre as 12:00 horas e as 14:00 horas deste martes 8 de marzo na praza da Peregrina. Dende a Deputación fíxose un chamamento a toda a cidadanía, ás institucións e ás organizacións para que xuntas avancencen cara unha sociedade mais igualitaria.