O IES de Soutomaior, premiado no certame 'A violencia non é un conto' da Xunta

Soutomaior
21 de novembro 2024

Un grupo de estudantes de 1º de Bacharelato obtivo o segundo premio da segunda categoría da modalidade audiovisual denunciando a violencia de xénero

Grupo do IES de Soutomaior premiado no certame
Grupo do IES de Soutomaior premiado no certame / IES de Soutomaior

O IES de Soutomaior foi galardoado este xoves na Cidade da Cultura no concurso 'A violencia non é un conto', organizado pola Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O centro obtivo o segundo premio da segunda categoría de modalidade audiovisual, grazas ao traballo dun grupo de estudantes de 1º de Bacharelato que presentaron a obra titulada igual que o certame: 'A violencia non é un conto".

A entrega de premios foi presidida pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen destacou a calidade e orixinalidade dos preto de 100 traballos presentados nesta edición.

A conselleira felicitou aos estudantes e docentes por propoñer "mensaxes potentes e que impactan", subliñando a importancia de sensibilizar e concienciar á sociedade galega desde as aulas.

O certame, que busca promover a reflexión sobre a loita contra a violencia de xénero nos centros educativos de Galicia, contou coa participación de centros de toda a comunidade.

Os traballos foron avaliados por un xurado composto por representantes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista.

Entre os criterios de análise destacaron a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero, a calidade técnica, a orixinalidade e tamén a creatividade das propostas por parte do alumnado.

Os grupos de estudantes gañadores recibiron cheques agasallo para investir no comercio local, mentres que os centros representados foron premiados con lotes de libros.

Esta iniciativa enmárcase nas actividades da Xunta con motivo do 25N.

A conselleira Fabiola García entregaba os premios na Cidade da Cultura
A conselleira Fabiola García entregaba os premios na Cidade da CulturaXunta de Galicia