O deputado provincial Javier Tourís visitou xunto coa alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, a rúa Igrexa onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente a actuación de humanización deste espazo público, cun orzamento de preto de 500.000 euros.
Tourís lembrou que para esta actuación a Deputación de Pontevedra xa comprometera 410.000 do Plan Extra Provincia Extraordinaria e anunciou que este venres, en Xunta de Goberno, se aprobarán outros 73.000 euros do Plan +Provincia para completar o orzamento e financiar o 100% da humanización.
Tourís deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que se localizan concretamente entre a praza de España e a conexión coa estrada provincial EP-9402.
A vía contará neste treito con carril bici e conexión peonil, o que creará un circuíto para permitir unha mobilidade segura nesta contorna, así como un correcto acceso aos diferentes equipamentos alí emprazados.
O obxectivo da actuación é reducir o espazo público ocupado por vehículos ao tempo que se potencian modos alternativos de desprazamento, así como reducir a velocidade nas estradas que atravesan O Mosteiro, xerando zonas de tráfico calmado e de convivencia con prioridade peonil.
No marco das obras executaranse novas beirarrúas e plataformas, melloraranse as pavimentacións, eliminaranse elementos situados no medio das beirarrúas, como postes, e soterraranse as redes de alumeado público (tamén se substituirán as luminarias por LED) e parte das liñas de telecomunicacións.
"Somos un goberno municipalista", lembrou o deputado provincial, "que escoita as demandas dos gobernos locais e atende as necesidades dos concellos".
Javier Tourís asegurou que "o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra vaia a máis, avanzando como nunca antes fixera", e "a través destes plans provinciais estamos a conseguir que os concellos poidan afrontar investimentos e actuacións que doutro xeito serían imposibles de realizar" co obxectivo de "modernizar o noso territorio e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza".