A Xunta de Galicia conta coa autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para que se esixa a presentación da certificado covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para realizar visitas a pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. A medida terá vigor ata o sábado 26 de marzo.
No escrito do alto tribunal, os maxistrado consideran que aínda se rexistra unha "existencia relevante do risco dentro do territorio de Galicia". Por este motivo, xustifican "xenericamente a adopción de medidas que se poidan estimar idóneas para conter a transmisión do virus" entre a poboación. Ademais, consideran que as medidas propostas son adecuadas para as contornas que establece a orde da Xunta porque se concentran en "persoas especialmente vulnerables".
O auto do TSXG expón que as medidas son a forma "menos lesiva" para compatibilizar a "salvagarda da vida e a saúde co exercicio doutros dereitos como o de reunión ou acceso a determinados espazos pechados e o dereito á intimidade persoal e á vida familiar, propios da visita a seres queridos internados neses centros".
Nesta mesma liña, a Sala alude a que calquera das alternativas ao certificado de vacinación está "facilmente dispoñible para a cidadanía". Por este motivo, ve "razoable" o sacrificio de acudir a outra desas opcións para realizar as actividades condicionadas.
Para argumentalo, os maxistrados entenden que as medidas propostas polo goberno autonómico implican "a restrición en grao mínimo de dereitos fundamentais, un sacrificio tenue do dereito, en expresión da sentenza do Tribunal Supremo nº 1112/2021, con relación á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde".
O Tribunal recoñece que a situación epidemiolóxica de Galicia, segundo o informe presentado pola Consellería de Sanidade, determina "un risco de transmisión do virus decrecente", pero alega que os valores continúan sendo elevados. "Ademais do dano intrínseco que causa á poboación afectada, segue ocupando significativos recursos do sistema público de saúde de Galicia", conclúen no auto.