O Goberno anunciou novas medidas, dentro do estado de alarma decretado polo avance do coronavirus no noso país, que permitirán reforzar a loita que, desde a sanidade pública, está a librarse para frear a expansión da enfermidade e atender aos pacientes.
A principal decisión, explicada polo ministro de Sanidade, Salvador Illa, é que todas as instalacións da sanidade privada, entre elas hospitais e clínicas, quedarán baixo a dirección dos respectivos gobernos autonómicos "para que dispoñan delas como consideren".
Os hospitais militares e os hospitais de campaña, engadiu a ministra de Defensa, Margarita Robles, tamén se ofrecerán para cubrir as necesidades de atención á cidadanía.
Esta "nacionalización" da sanidade privada, que se incorporará ao sistema pública de saúde, súmase á decisión de utilizar todo tipo de locais públicos e privados que, segundo as autoridades, cumpran os requisitos para prestar consulta ou ser lugares de hospitalización.
A orde do Goberno inclúe a autorización para contratar médicos internos residentes que, aínda que non completasen a súa formación, sexan de especialidades sensibles como pediatría, medicina familiar, medicina intensiva, pneumoloxía, radiodiagnóstico ou enfermería.
Ademais, suspenderanse as rotacións en curso dos residentes e autorizarase a contratación de persoal sanitario que aprobase o MIR pero non teñan praza ou ben sacasen o título fóra da Unión Europea e aínda non o teñan homologado.
Para asegurar a distribución de bens e servizos para atender ás necesidades sanitarias, o Goberno dará 48 horas de prazo para que todos os establecementos que dispoñan, entre outros, de máscaras, kits de diagnóstico do coronavirus, isótopos, lentes, luvas, batas, solucións hidroalcohólicas ou dispositivos de ventilación póñanos ao dispor de Sanidade.
O ministro de Sanidade, ademais, agradeceu a forma na que os cidadáns "interiorizaran" as restricións e asegurou que "esta é unha batalla que temos que dar xuntos e que xuntos imos gañar".