25N | "Os homes deben rexeitar os modelos de masculinidade que perpetúan o dominio sobre as mulleres"

Marín
25 de novembro 2024
Actualizado: 18:08

Marín levantou a voz este luns, 25 de novembro, contra os feminicidios nun acto que mesturou dor e recoñecemento coa entrega dos Premios Lazo Violeta e a homenaxe a María Teresa Pérez Couselo, traballadora nos Servizos Sociais municipais

25N - Acto institucional en Marín
25N - Acto institucional en Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín viviu este luns un dos actos máis emotivos do ano ao conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, nunha xornada marcada pola dor polo recente asasinato dunha adolescente de 15 anos a mans da súa exparella de 17 en Alacante.

"Esta mañá espertamos cunha triste noticia que evidencia, unha vez máis, que a violencia machista non entende de idades", sinalou a alcaldesa María Ramallo ao inicio dun acto que comezou cun minuto de silencio polas vítimas.

As cifras, indicou a alcaldesa, son demoledoras: 39 mulleres asasinadas en España este ano, 10 menores vítimas de violencia vicaria e 26 nenos e nenas que quedaron sen nai.

A radiografía da violencia machista en Marín amosa unha realidade preocupante con 48 casos activos no sistema VioXen da Policía Nacional, dos cales 21 precisan de teléfono de atención e protección permanente.

En Galicia, catro mulleres foron asasinadas este ano, unha cifra que a rexedora cualificou de "insoportable" e que "golpea á nosa sociedade galega".

PREMIOS

Os Premios Lazo Violeta 2024, creados en 2010 para recoñecer o labor en prol da igualdade, recaeron este ano en dous piares fundamentais da loita contra a violencia machista:

  • A quenda de garda psicolóxica especializada de urxencia, un servizo crucial para mulleres e menores en situación de violencia de xénero, xestionado pola Xunta en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

  • Aníbal Aguiar Villar, axente da UFAM que se xubila tras unha destacada traxectoria desde 1991, especialmente centrada na violencia de xénero desde 2013.

A declaración institucional, lida por Melisa Piñeiro Rego, presidenta da Asociación Veciñal Santa María do Campo, fixo especial énfase na necesidade dunha resposta social integral: "os homes deben rexeitar os modelos de masculinidade que perpetúan o dominio sobre as mulleres".

Nesta liña, a declaración demandaba a implicación das familias e escolas na educación emocional igualitaria; atención especial aos novos riscos que afectan á mocidade: acceso temperán a pornografía, e á presión nas redes sociais e novas formas de violencia dixital.

"A violencia machista é un problema estrutural que afecta a toda a sociedade", indicaba a declaración, insistindo na necesidade de "seguir mobilizando recursos e promovendo iniciativas efectivas" para erradicar esta lacra social que "continúa vulnerando os dereitos fundamentais das mulleres sen distinción de raza, relixión, idade, clase social ou cultura".

Tamén reclamou compromiso dos medios de comunicación para un tratamento adecuado das noticias sobre violencia de xénero; promoción de valores igualitarios no deporte; e recoñecemento a unha vida de servizo social.

O acto serviu tamén para homenaxear a María Teresa Pérez Couselo, coñecida como Teté, que se xubila tras 39 anos como traballadora social nos Servizos Sociais municipais. O seu compromiso e dedicación foron destacados como exemplo do traballo constante necesario para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.