Homenaxe, vermú, camiñada, parapente, fútbol... unha xornada de reflexión moi variada

17 de febreiro 2024

Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro coincidiron na homenaxe ao Villa de Pitanxo en Marín e no partido do Celta en Vigo. Marta Lois aproveitou esta xornada de reflexión para voar en parapente desde Lousame (A Coruña) ata a praia de Coira, en Portosín e Isabel Faraldo comeu un cocido con amigos na Coruña

Ana Pontón coa súa parella, a súa filla e amigos na xornada de reflexión
Ana Pontón coa súa parella, a súa filla e amigos na xornada de reflexión / BNG

Este sábado 17 de febreiro foi do máis variado para as candidaturas que pretenden entrar no Parlamento de Galicia nas eleccións autonómicas deste 18 de febreiro. Unha xornada de reflexión na que os principais candidatos se lembraron das vítimas do Villa de Pitanxo e deixaron imaxes con familia, amigos e mesmo un parapente.

O presidente e candidato do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, comezou o sábado saíndo a camiñar a primeira hora da mañá coa súa muller Marta e as súas fillas, Bea e Marta, polo Monte Pedroso de Santiago de Compostela. Aproveitaron para sentarse a charlar ao aire libre despois das dúas intensas xornadas de campaña. .

Como presidente da Xunta, desprazouse ata Marín para participar n homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo. Alí coincidiu cos candidatos de BNG e PSOE, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, e a cabeza de lista de Sumar, Marta Lois, compartiu unha mensaxe de apoio na rede social X.

Rueda pasou o resto do día coa familia e pola tarde desprazouse, como fai habitualmente, a ver o partido do RC Celta de Vigo ao estadio de Balaídos, fronte ao FC Barcelona. Tamén alí coincidiu con Pontón e Gómez Besteiro.

A candidata do BNG aproveitou para pasar un momento distendido en compañía da súa parella, da súa filla Icía e de amizades en Santiago de Compostela despois de ir a Marín e antes de desprazarse a Vigo. 

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, aproveitou a xornada de reflexión para pasear polo monte na Lama, descansar e gozar con familia e amizades, tomando un vermú nunha terraza de Ponte Caldelas.

O candidato do PSdeG aproveitou a visita a Marín para tomar un café con compañeiros de partido nesta localidade, entre eles, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e Carmela Silva, ex presidenta da Deputación e presidenta do PSOE galego. 

A número 3 por Pontevedra do PSOE, Paloma Castro, gozou da sesión vermú co equipo de campaña e cos concelleiros do Grupo Municipal do PSOE, entre eles os tamén candidatos Lina Garrido e Pedro Hermida e a deputada Marica Adrio.

A candidata de Sumar aproveitou esta xornada de reflexión para voar en parapente desde Lousame (A Coruña) ata a praia de Coira, en Portosín.

A cabeza de lista de Podemos, Isabel Faraldo, comeu un cocido con amigos na Coruña.

Arquivado en