Homenaxe na Lama a Aquilino González, "o médico do pobo"

Ponte Caldelas
21 de xuño 2016

Como un "home bo". Así recordaron os veciños de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes a Aquilino González, coñecido como Don Aquilino, na homenaxe póstuma que lle renderon a un médico que durante moitos anos exerceu nos tres municipios

Homenaxe a Aquilino González, médico da Lama e Ponte Caldelas
Homenaxe a Aquilino González, médico da Lama e Ponte Caldelas /

Como un "home bo". Así recordaron os veciños de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes a Aquilino González, coñecido como Don Aquilino, na homenaxe póstuma que lle renderon a un médico que durante moitos anos exerceu nos tres municipios.

Este acto, que se celebrou na Casa do Pobo da carballeira dos Prados, en Xesta (A Lama), estivo organizado por Beatriz Amorín e Guadalupe López, dúas desas veciñas, que dende hai tempo buscaban colaboradores para a realización dun tributo moi agardado.

Os veciños quedaron moi satisfeitos de ter saldado deste  xeito unha débeda moral con Aquilino González (1920-1994), pois dende o seu falecemento non se lle tiña feito a homenaxe que merecía. O médico tiña tres consultas, a principal en Caritel (Ponte Caldelas), e outras dúas nos lugares do seu Verducido natal e Seixido (A Lama).

A homenaxe estivo presidida por un gran retrato de "don Aquilino", así como unha exposición fotográfica sobre a súa vida. Nunha vitrina estaba exposto o seu instrumental médico e tamén exhibiuse o maletín co que durante varias décadas percorreu aldeas e lugares destes tres municipios.

Asistiron a viúva e os catro fillos do médico, así como varios netos. Comprobouse a anécdota de que moitos deles son médicos, seguindo a tradición. A familia fixo unha intervención na que agradeceu o detalle nun ambiente emotivo.

A continuación celebrouse unha comida coa presenza do tenente de alcalde de Ponte Caldelas Quique Vidal (en representación do alcalde que está fóra de Galicia esta semana) e do portavoz socialista en A Lama, Enrique Vaqueiro. Tamén estiveron os ex alcaldes de Ponte Caldelas, Eliseo Lopo, e da Lama, Manuel Rial.

Todos os presentes glosaron a figura do "médico do pobo", quen non só atendeu moitas veces de xeito gratuíto a familias necesitadas, senón que tamén trouxo ao mundo a bastantes veciños destes municipios. No seu haber, comentouse, figura tamén ter influído diante das autoridades da época para o arranxo dalgunhas das pistas e estradas rurais.