Miguel Lumbres, de 52 anos, era un dos mariñeiros que perdía a vida no Villa de Pitanxo, cuxo naufraxio se producía hai un ano en augas de Terranova, co falecemento de 21 mariñeiros. De orixe peruana, residía desde fai máis de dez anos en Cambados. No seu recordo rendíase este sábado unha homenaxe co descubrimento dunha placa en memoria de todas as vítimas daquel falta accidente marítimo, tal e como se está facendo en todos os municipios nos que residían os mariñeiros falecidos.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asistía a este acto acompañando ás familias.
O acto realizado nos xardíns da Casa do Mar tamén contou cunha sentida homenaxe a todos aqueles mariñeiros, residentes en Cambados, que faleceron como consecuencia dos naufraxios do Sin Querer Dos, afundido na costa de Fisterra no ano 2018, coa morte de Manuel Serén, Teófilo Rodríguez, Guillermo Casais e Bernardino Padín; e do Bahía, protagonista doutra catástrofe marítima nas Illas Sisargas en 2004 coa morte de dez tripulantes, entre os que se atopaba Antonio Domínguez Baulo, residente na vila cambadesa.
Como homenaxe, a Escola de Canteiría de Poio, dependente da Deputación de Pontevedra, doou unha escultura denominada 'Despedida' na que se mostra a un mariñeiro co seu fillo.
Este domingo continuarán os actos de recordo aos tripulantes do Villa de Pitanxo cun acto en Moaña, mentres que en Cangas está previsto que se celebre o sábado 4 de marzo.
Homenaxe ás vítimas do mar no @C_Cambados .
— Delegación del Gobierno en Galicia (@DelGobGalicia) February 25, 2023
Unha placa en recordo dos falecidos no "Villa de Pitanxo" "Bahia" e "Sin querer dos".
A subdelegada do Goberno en #Pontevedra@maicalarriba acompañou as familias. pic.twitter.com/WMzMSfLIfF