Nun salón de plenos ateigado de persoas e no medio moita emoción, Bueu homenaxeou a Amelia González, a matriarca de Casa Solla. Foi no marco da terceira edición das Xornadas Gastronómicas En Feminino, organizadas polo Concello e os hostaleiros da vila
Amelia González fundou en 1961, xunto a José Solla, o restaurante Casa Solla en Poio. Nel traballou ata que se xubilou.
A homenaxeada, que recibiu como agasallo unha figura de Rosalía de Castro de Sargadelos, agradeceu a todo o pobo de Bueu que se acordase dela, porque "para min é un orgullo e nunca pensei que tanto o merecera".
Nunha conversa co público, na que compartiu múltiples anécdotas, Amelia lembrou como nos primeiros anos atendía ela soa a casa, os fillos e a cociña do negocio e sempre "co apoio das mulleres cociñeiras que tiña ao meu lado e das que tanto aprendín", recoñeceu emocionada.
A finais dos anos 80 incorporouse ao restaurante Pepe Solla, un dos seus fillos, que é o que dende o ano 2003 segue o camiño en solitario, con respecto á historia dos seus pais e de Galicia.

Desde o goberno municipal, a concelleira responsable de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, destacou que as mulleres "son e foron relevantes en todos os eidos, sobre todo nos que menos se mira, e temos que visibilizalas".
"Amelia é un exemplo dos tantos que hai, mulleres que renunciaron a ese protagonismo que xa é hora de devolverlles", engadiu Antonio Rosales, portavoz da Asociación de Empresas Hostaleiras de Bueu, que salientou que "o máis importante é que levaron o peso da casa e do traballo fóra".
A continuación, María José Bastón fixo unha semblanza de Amelia González, á que definiu coma unha muller "miúda, de conversa fácil e envolta de tenrura", ademais de ser unha muller "que camiñou pola vida de puntas, sen facer ruído e non aparecer nas entrevistas".
Así, foi grazas a esta forza da homenaxeada que o restaurante Casa Solla evolucionou dende aquel primeiro merendeiro ata o que chegou a ser.
"Ela deu sempre o mellor de si, traballando man a man coas cociñeiras e sempre buscando chegar a máis, ofrecendo ideas innovadoras co toque da casa que sempre a caracterizou", sentenciou.