Todas as persoas que durante o alzamento militar de 1936 e os anos do franquismo foron solidarias coa súa veciñanza dando agocho, comida e/ou roupa limpa aos fuxidos e represaliados e as súas familias recibirán unha merecida homenaxe este novembro, mes da memoria en Pontevedra. Este luns día 27 serán os protagonistas dunha homenaxe organizada polo Concello no Teatro Principal.
A homenaxe á ‘Pontevedra boa e xenerosa’ está prevista para as 20.30 horas e, segundo informa o Concello, busca ser un percorrido pola "Pontevedra dun tempo gris que ollou brotar a solidariedade axudando nas fuxidas, dando agocho aos inocentes, compartindo comida coas familias ás que lle saquearan a casa, tecendo roupa no cárcere ou escribindo cartas polos que non sabían facelo".
As mulleres protagonizaron a maioría destes actos solidarios, desde aquelas que estaban libres e prestaron axuda aos presos de Figueirido ou se fixeron 'madriñas' dos de San Simón para lavarlles a roupa e ofrecerlles comida a aquelas outras que estaban encarceradas na 'Normal' de Pontevedra e teceron redes solidarias para axudarse, dentro e fóra de prisión.
Un dos comportamentos que recibirán merecida homenaxe será o das Corseteiras, as irmás Aurora, María, Niza e Nieves Martínez, que criaron a Carlos, o fillo de Manuel García Filgueira, alcalde da cidade no momento do golpe, e de Emma Mourón, retida durante meses por non revelar o acubillo do seu home.
Tamén adquirirán protagonismo no acto os pequenos xestos solidarios que agromaron en época de enfrontamento e que, para quen estaba a sufrir a represión, supuxeron un gran cambio. É o caso dos actos do construtor Ángel Arosa, que fixo de balde unhas obras no taller de bordado de Rita Sobrido, viúva do mestre Germán Adrio, no que se xuntaban moitas tardes varias das nenas que quedaran orfas aquel mesmo 12 de novembro en que Rita enviuvara.
A xornalista de Onda Cero Susana Pedreira presentará o acto e está confirmada a participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio Histórico e deputado no Parlamento galego, Luís Bará. O grupo 'Os de Algures' e o trío de Lucía César Veloso, Álvaro Cardalda e Manolo Dopico serán os encargados da banda sonora.