O Concello de Cerdedo-Cotobade homenaxeou este sábado á investigadora local e profesora universitaria Belén Riveiro Rodríguez, que acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Investigación 'Matilde Ucelay', convocado polo Ministerio de Ciencia e Innovación para distinguir o mérito dos investigadores menores de 40 anos.
A partir das 11:00 horas deu comezo o acto no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo, coa presenza do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, membros da Corporación Municipal, a familia da investigadora e numerosos veciños e veciñas. O tenente de alcalde, Fernando Vázquez, e a concelleira Galiza Aguete fixeron entrega dun agasallo e un ramo de flores á investigadora homenaxeada.
Belén Riveiro agradeceu a seus pais poder estar ahí "porque sempre nos educaron para que procurásemos un futuro no que puidésemos ser mulleres libres" e incidiu na importancia da educación pública a tódolos niveis para que "calquera persoa, independentemente da súa economía ou de onde viva poida ter a oportunidade de formarse e desenrolar o seu talento".
O voceiro do BNG, Ernesto Filgueira, felicitou a Riveiro e incidiu nas palabras da investigadora á hora de "protexer" e "conservar" a educación pública, mentres que Ana Couto, a voceira do grupo PSdeG municipal, destacou o papel da homenaxeada á hora de "abrir camiños a moitas que veñen detrás, principalmente na área das ciencias e a enxeñaría".
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asegurou que "próximas xeracións celebrarán máis actos noutro edificio que levará o nome de Belén Riveiro" e salientou a "enorme cultura do traballo e o esforzo" da familia Riveiro Rodríguez, "clave e un camiño a seguir para todos e todas".
Para Cubela, "Belén é o perfecto exemplo de que non hai límites e que persoas de concellos modestos como o noso poden destacar grazas ao seu talento e acadar un recoñecemento tan importante en eidos tan estratéxicos como a investigación" e para ser un referente á hora de abrir camiños a "futuras enxeñeiras, matemáticas ou científicas".
Belén Riveiro Rodríguez foi galardoada na categoría correspondente á área de enxeñería e arquitectura, modalidade bautizada como Premio Nacional Matilde Ucelay, en memoria de quen foi a primeira española en ingresar e titularse nunha escola de arquitectura e, anos máis tarde, Premio Nacional de Arquitectura.