Hoempo solicita ao Concello que a axuda municipal sexa retroactiva para investimentos realizados pola hostalería en 2019 e 2020

Pontevedra
18 de decembro 2020

Desde esta asociación de hostalería de Pontevedra aceptan renunciar a tratar a taxa da auga pero reclaman ao goberno local a exención total da taxa de veladores e de recollida de lixo. Os empresarios afirman que necesitan liquidez para enfrontarse aos seus gastos e manter os seus negocios

Xunta directiva de Hoempo
Xunta directiva de Hoempo / PontevedraViva

A asociación de hostaleiros de Pontevedra Hoempo expuxo este venres a súa postura despois de manter a reunión con tres concelleiras do goberno local de Pontevedra, Anabel  Gulías, Eva  Vilaverde e  Yoya Blanco.

Por parte de  Hoempo participaron o presidente Víctor Pampín, Ángel Sorey, Elena Vitoria e Dani Lorenzo, que se atopa entre o grupo de 7 hostaleiros que van camiñando cara a Madrid reclamando o Rescate á Hostalería e conectábase a través de vía telemática, Estes empresarios manteñen a súa petición de medidas de axuda ao Concello pontevedrés.

Os representantes de Hoempo afirman que renuncian a tratar a taxa da auga, pero reclaman a exención total da taxa de veladores e de lixos. Sosteñen que o sector se atopa ferido de morte afectando a miles de familias que viven directa e indirectamente destes negocios. No encontro afirman que suxeriron no caso da taxa de lixo unha equiparación á do consumo doméstico e insistiron en pedirlle ás representantes municipais que "repensen" a súa postura. Neste sentido, indican que a portavoz municipal Anabel  Gulías dixo que non se descarta esa posibilidade durante a reunión.

En canto ás axudas municipais de Supera 21, desde Hoempo consideran que o concepto destas subvencións é erróneo porque as realidades actuais destas empresas atópase na necesidade de liquidez para enfrontarse aos seus gastos e sobrevivir. Piden medidas para evitar o peche. As axudas municipais céntranse en achegar diñeiro a través do investimento nos establecementos. Ante esta situación, desde o colectivo solicitan que a axuda sexa de carácter retroactivo para os investimentos que se realizaron en 2019 e 2020. Lembran que o sector durante este ano apenas fixo investimentos. Tamén solicitan que o domicilio para as axudas sexa físico e non fiscal.

Por último, Hoempo demanda ao Concello que dote de orzamento extra á concellería de  benestar Social para realizar axudas de Emerxencia social e familiar ao prever que este 2021 será especialmente duro para moitas familias que viven da hostalería.